Besteiro chama a “encher as urnas de votos socialistas” para deixar atrás os recortes en sanidade no Barbanza

Besteiro chama a “encher as urnas de votos socialistas” para deixar atrás os recortes en sanidade no Barbanza

2/1/24

2/1/24

2/1/24

“Nesta comarca hai a maior lista de espera para unha operación de toda Galicia, tendo que agardar de media 80 días”, explicou

O candidato á Xunta anuncia que impulsará formación específica para garantir o relevo xeracional no sector mar-industria, do que depende o 76% da economía da comarca

Fará residencias públicas a prezos xustos, como fixo como presidente da Deputación de Lugo, e denunciou que o PP non creou nin unha praza pública no Barbanza en quince anos de goberno

Boiro, 2 de febreiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, chamou este venres a “encher as urnas de votos socialistas” para deixar atrás os recortes en sanidade no Barbanza.

Besteiro pechou o primeiro día de campaña cun mitin en Boiro, xunto ao secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, Patricia Iglesias, nº1 pola provincia da Coruña, María Outeiral, candidata natural de Boiro, e ao alcalde, “Martiño” Romero García. No mesmo, criticou a xestión da sanidade realizada polo PP nos últimos 15 anos. Puxo o foco nos “constantes recortes sufridos na Atención Primaria” que deixa “menos profesionais, menos servizos e menos recursos” nos centros de saúde.

Tamén criticou a falta de medios que sofren pacientes e profesionais no Hospital do Barbanza, co resultado de que “nesta comarca hai a maior lista de espera por unha operación de toda Galicia, tendo que agardar de media 80 días” ata a intervención, sendo esa espera “moi difícil de levar para calquera persoa”. Remarcou que isto é segundo o datos oficiais da Xunta, “que son falsos” ao non comezar a contar os días ata que se asigna a data da operación, en vez de cando é solicitada.

Así mesmo, denunciou que “obrigan aos barbanzáns a percorrer moitos quilómetros para recibir atención” ao ter que acudir ao CHUS de Santiago para moitas especialidades. “É intolerable facer á xente maior desprazarse ata 70km para ter unha cita cun especialista”, lamentou Besteiro. Lembrou que a área sanitaria de Santiago-Barbanza, que ten algúns dos peores indicadores de toda Galicia, está xestionada por Eloína Núñez, prima de Alberto Núñez Feijóo, e apuntou a que “calquera outra persoa con estes datos xa estaría cesada”.

“Temos que saír á rúa e explicalo ben claro. Non vale resignarse, se queremos acabar co desmantelamento da sanidade que está a facer o PP, temos que encher as urnas de votos socialistas. O cambio en Galicia só virá da nosa man”, apuntou o candidato socialista.

RELEVO NO SECTOR PESQUEIRO

Gómez Besteiro tamén referiuse á difícil perspectiva de futuro que ten o sector do mar no Barbanza. Na actualidade conforma o 76% da actividade económica da comarca e ten que afrontar grandes retos e desafíos de cara ao futuro, sendo o que máis preocupa a falla dun relevo xeracional ante a xubilación nos vindeiros dez anos do 60% dos traballadores.

O candidato incidiu na necesidade de “investir en formación para gañar o futuro”, sendo a implantación de Formación Profesional específica adaptada aos sectores produtivos e conectada cos produtores a principal medida de impacto que implantarán os socialistas, como así xa solicitaron á Xunta do PP e foi rexeitado. “A pesca e o mar son parte indispensables da nosa vida, non podemos deixar que desapareza o que é un elemento esencial da nosa identidade como pobo”, engadiu Besteiro.

NIN UNHA PRAZA DE RESIDENCIA EN 15 ANOS

A política de residencias e a dependencia tamén son un dos cabalos de batalla dos socialistas nesta campaña. Besteiro lembrou que “dende que chegou o PP á Xunta non creou unha soa praza de residencia pública no Barbanza” a pesar de que hai tan só 250 prazas para máis de 30.000 persoas maiores de 65 anos nesta comarca. Ante o proxecto de residencia pública para Ribeira, puxo en dúbida que a Xunta non o paralice ou o atrase despois de perder a alcaldía o pasado xuño.

“Nós temos un modelo de residencias público, de centros pequenos, que custan en función da renda de cada un, preto das familias e no que a xente está coma na súa casa” sinalou un Besteiro que xa aplicou este modelo no seu mandato na Deputación de Lugo. “Precisamos máis prazas, residencias máis humanas, que sexan como un fogar e unha Xunta que faga as inspeccións que deben nos centros privados”, concluíu o socialista.

Relacionadas

Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"

Besteiro reafirma o seu "compromiso inquebrantable co país" e coa "política útil traballando por unha Galicia mellor"

Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”

Besteiro chama a concentrar o voto no PSdeG, “a única garantía de cambio seguro”

Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio

Besteiro comprométese a rematar coa Galicia de dúas velocidades e aposta por un país coas mesmas oportunidades en todo o territorio

Síguenos

Síguenos

Síguenos